sábado, 29 de enero de 2011

"Sobre a toma de decisións" ou "Listas de pros e contras"

Dicía un anuncio de televisión hai non moito tempo que “os seres humanos amamos as listas”. A verdade é que eu, como ser humano que son, non me considero precisamente a excepción a tal afirmación. Encántanme as listas; é máis, necesítoas. Non sei que faría sen elas. Se cadra é un intento desesperado de poñer algo de orde na voráxine de caos que me arrodea (e caracteriza) diariamente, ou simplemente a medida imprescindible para non rematar perdendo en calquera momento a cabeza (literalmente). Pero realmente, soluciónanme a vida máis dun par de veces á semana.

Como non entendo a necesidade que ten a universidade de nos facer librar batallas burocráticas en plena etapa de exames, a miña susodita voráxine de caos persoal disparouse ata límites insospeitados estes últimos días. Pero si, podo dicir triunfalmente (e con moito orgullo) que sobrevivín. Agora, ante a perspectiva, cada vez máis e máis real, dun ano estudando en Estados Unidos, vexo ante min non unha, senón máis de cento cincuenta universidades ás que podería asistir, e entre as cales teño que escoller cinco.
Oh deuses, caos infinito. Espero que despois de varios descartes ao por maior, unhas cantas listas de pros e contras me axuden a decidir. Estou máis perdida que un peido nun jacuzzi, que diría Manuel. Que será da miña vida? E si me vexo dentro de nove meses no medio de Austin preguntándome a min mesma que carallo fago aquí? Ou ao borde da hipotermia no inverno de Chicago? Ou baixo o sol do deserto de Nevada? Ou nun lugar perdido sabe dios onde en Alaska?

Bueno, en realidade non é tan fatalista como sona. De feito creo que me gusta. É unha perspectiva bastante atractiva. Vale, admítoo, si, adoro este tipo de incerteza. Xa sei que non son un beatnik dos 50 sen ninguén a quen dar explicacións, carente de vínculos e responsabilidades, e o que é máis, dunha cara tan dura coma a que eles tiñan –por moito que me doia recoñecelo- pero realmente amo saborear esa liberdade que solo ofrece o non saber que rematarás facendo ao final. É unha paixón existencial así como un pouco ao estilo de Dorian Gray, claro que menos decadente e decimonónica, pero co mesmo gusto a “carpe diem” –aínda que bastante máis viciado e manido, todo hai que dicilo-.

Con isto veño a dicir que por moito que necesite as listas, realmente decátome de o inútiles que son para min. Porque no fondo sei que o maior peso das miñas decisións non o levan os argumentos racionais. Así que ao remate… nunca se sabe

Marcho cunha cita do Diario de Dorian Gray, xa que o mencionei antes e que é un libro que me encanta:

“Pregúntome quen definiu ao home como un animal racional. É a máis prematura das definicións. O home é unha multitude de cousas, pero non é racional. Encántame, á fin e ao cabo, que non o sexa…”

No hay comentarios:

Publicar un comentario